II Concurso Manuel María de Composicións Musicais

 


A Casa-Museo Manuel María publica as bases da segunda edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais.
 
O certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.
As composicións deberán ser orixinais, inéditas, sen estrear e cunha duración máxima de cinco minutos e mínima de dous minutos e medio. 
A canción presentada terá que ser sobre un poema, de libre elección da persoa concursante, de entre todos os escritos por Manuel María e estará clasificada dentro da modalidade de canción galega.
Na presente edición as composicións estarán escritas para voz de soprano con acompañamento de piano.
 
O certame convocado conta cun único premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta para todos os Conservatorios de Música de Galiza.
 
O concurso desenvolverase en dúas fases de maneira que na primeira o xurado seleccionará un máximo de cinco cancións finalistas que pasarán a unha segunda fase.
Na fase final determinarase a canción gañadora entre as designadas como finalistas na primeira fase. 
Para iso levarase a cabo un acto con concerto público que terá lugar no auditorio da Casa-Museo Manuel María durante o mes de outubro. 
Ese día unha soprano e un pianista interpretarán as cancións seleccionadas, dentro dun recital de cancións galegas. 
No propio acto, após a correspondente deliberación, o xurado dará a coñecer a composición gañadora.
 
O concurso está aberto á participación de todas as compositoras e compositores que o desexaren, tendo de prazo até o 15 de xuño. 
 
Casa-Museo Manuel María
Rúa F, nº 2
27250 - Outeiro de Rei da Terra Chá (Galiza)
www.casamuseomanuelmaria.gal
Teléfono: 698 177 621
Correo electrónico: contacto@casamuseomanuelmaria.gal

Comentarios