XXVI Certame Literario de Piñor de narracións breves

A Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia, coa colaboración do Concello de Barbadás, convoca o XXVI Certame Literario de Piñor na especialidade de narracións breves.

Establécense tres categorías:
-Categoría A para participantes maiores de 18 anos.
-Categoría B para participantes de 13 a 17 anos.
-Categoría C para participantes que formen parte do alumnado de Educación Primaria.

Premiaranse dous relatos en cada categoría:
-Na categoría A con 500 e 300 euros, respectivamente.
-Na categoría B con 200 e 100 euros, respectivamente.
-Na categoría C con 100 e 75 euros, respectivamente.

Entregarase ademais en cada premio un diploma acreditativo do galardón conseguido e un obsequio conmemorativo.

Para recibiren os seus galardóns as persoas premiadas deberán comparecer obrigatoriamente no acto de entrega de premios, perdendo ese dereito no caso contrario.

Ninguén poderá obter dous premios na presente edición deste certame, polo que no caso de ter puntuación suficiente para dous, outorgaráselle soamente o mais importante.

Un premio poderá ser declarado deserto cando o xurado así o determine e sempre por causa fundamentada.

Os relatos, de temática libre, deberán ser orixinais, inéditos, en galego e non poderán estar xa premiados noutros certames. A súa extensión non excederá de 10 folios, por unha soa cara e con entreliñas de duplo espazo, na categoría A; de 7 na B e de 3 na C; debendo, ademais, presentarse mecanografados e encabezados por un lema ou pseudónimo.

As narracións enviaranse por correo ordinario a algún dos seguintes enderezos:
- Asociación Música e Cultura de Galicia (Rúa do Pito, 1. CP 32930. San Lourenzo de Piñor (Barbadás).
- Casa Municipal da Cultura Manuel María. R/ San Bernabé, 37. CP 32002. A Valenzá (Barbadás).

Cada concursante meterá o seu relato dentro dun sobre, no que escribirá: PARA O XXVI CERTAME LITERARIO DE PIÑOR. Xunto con el, deberá enviar os seus datos nun sobre pechado no que aparecerá pola súa parte externa, o lema ou pseudónimo, así como a categoría na que participa. Dentro del, figurará o seu nome e apelidos, idade, enderezo, correo electrónico e número de teléfono.

Os relatos poderán ser enviados por correo electrónico a justocalvio@yahoo.es ou a casacultura@barbadas.es con dous arquivos Word, contendo o primeiro deles, denominado “relato”, a obra a concurso, o lema ou pseudónimo e a categoría na que participa; e o segundo, denominado “plica”, o lema ou pseudónimo e os datos persoais que se esixen no parágrafo anterior.

O prazo de admisión estará aberto ata o xoves, 18 de maio de 2023, ás 14 h.

O xurado estará composto por un mínimo de catro compoñentes e o seu ditame será inapelable.

A entrega dos premios terá lugar o sábado, 27 de maio de 2023, ás 18 h., na Casa da Cultura da Valenzá (Barbadás).

As narracións premiadas editaranse na revista Fervenza da Cultura, así como nas páxinas web e redes sociais do Concello de Barbadás e a Asociación Música e Cultura de Galicia, reservándose a entidade organizadora o dereito de publicalos en libros e outros medios de difusión.

Destruiranse todas as narracións presentadas ao certame, polo que non serán obxecto de devolución.

Comentarios