COMO SERÁ A ABAU ESTE ANO?

 ABAU 2023


A proba da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) estruturarase en dúas partes: parte obrigatoria e parte voluntaria.

A parte obrigatoria da proba versará sobre as materias xerais do bloque das materias troncais da modalidade elixida e para mellorar a súa cualificación de admisión o alumnado poderá examinarse dun máximo de catro materias, que elixirá entre as materias de opción do bloque de troncais de segundo curso de calquera modalidade e as materias xerais troncais específicas de modalidade distintas daquela da que se examinen na parte obrigatoria da proba. Así mesmo, os estudantes poderán examinarse dunha das opcións lingüísticas (alemán, francés, inglés, italiano ou portugués) da Segunda Lingua Estranxeira II distinta da que cursasen como materia xeral do bloque de materias troncais.


As probas:

- Farase unha proba por cada unha das materias obxecto de avaliación. Cada proba constará dun mínimo de 2 e un máximo de 15 preguntas.
- Para a realización dos exercicios, o alumnado poderá empregar, á súa elección, calquera das linguas oficiais de Galicia. Non obstante, os exercicios correspondentes a Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Galega e Literatura II e Primeira e Segunda Lingua Estranxeira II deberán realizarse nos seus respectivos idiomas.
- Cada unha das probas da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade terá unha duración de 90 minutos. Haberá un descanso entre probas consecutivas de, como mínimo, 30 minutos.
- Cada unha das probas conterá preguntas abertas e semiabertas que requirirán do alumnado capacidade de pensamento crítico, reflexión e madurez. Ademais destes tipos de preguntas, poderanse utilizar tamén preguntas de opción múltiple, sempre que en cada unha das probas a puntuación asignada ao total de preguntas abertas e semiabertas alcance, como mínimo, o 50 %:

    1. De opción múltiple: preguntas cunha soa resposta correcta inequívoca e que non exixen construción            por parte do alumno ou da alumna, xa que este/a se limitará a elixir unha de entre as opcións       propostas.
    2. Semiabertas: preguntas con resposta correcta inequívoca e que exixen construción por parte do                alumno ou da alumna. Esta construción será breve, por exemplo un número que dea resposta a un             problema matemático, ou unha palabra que complete unha frase ou dea resposta a unha cuestión       sempre que non se facilite unha lista de posibles respostas.
    3. Abertas: preguntas que exixen construción por parte do alumno ou da alumna e que non teñen unha            soa resposta correcta inequívoca. Englóbanse neste tipo as producións escritas e as composicións   plásticas.

Realizaranse dúas convocatorias da avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU), unha ordinaria e outra extraordinaria.


Datas ABAU 2023
Convocatoria ordinaria: 6, 7 e 8 de xuño de 2023.
Convocatoria extraordinaria: 11, 12 e 13 de xullo de 2023.


Exames de cursos pasados: https://ciug.gal/gal/abau/exames
Notas de corte da última convocatoria: https://ciug.gal/PDF/ACCESO2022/notas_corte.pdf
Máis información: https://ciug.gal/gal/abau





Comentarios